Cadea humana
Antes tiñamos a esperanza, a convicción íntima de que así era. Desde o domingo pasado sabémolo con absoluta certeza: hai un país novo. Hai unha maioría contundente de galegos que apostou pola alternancia, por unha mudanza nas persoas e nas actitudes, pola desaparición do despotismo e o desprezo aos que pensan diferente. Hai unha maioría de galegos que cre que temos moito por facer e por dicir, que mira para o futuro e non para o pasado, que non fai do odio e da vinganza o motor do seu pensamento.
Non hai tempo nin razóns para a tristeza e para o pesimismo. Diante nosa ábrese unha etapa diferente, difícil pero ilusionante, e os cidadáns non podemos permanecer alleos a ela. Demostramos nas urnas que o cambio existe; quizá sexa tamén o momento de demostralo nas rúas. O futuro apóiase en dúas patas, e temos que facer o posíbel por deixar claro que a súa colaboración é imprescindíbel. É un obxectivo prioritario que esixirá a xenerosidade das dúas partes, pero sempre desde a certeza de que a verdadeira xenerosidade reside no povo que lles outorgou a súa confianza.
Non é unha idea orixinal, pero segue sendo unha boa idea. Soltámola onte á rede e está empezando a callar. En Santiago hai unha estatua de Castelao e outra de Pablo Iglesias. Unha na Alameda e outra en San Caetano. Do que se trata é de unir as dúas estatuas mediante unha grande cadea humana, nun acto cívico e non partidista aberto a todos os cidadáns e que sirva para poñer de manifesto a nosa vontade de cambio. Sería este próximo domingo, 26 de xuño, na véspera do reconto definitivo do voto da emigración.
Queremos pensar isto entre todos. Precisamos as vosas suxerencias, o voso apoio, o voso entusiasmo; as vosas palabras, as vosas imaxes, a vosa creatividade. Necesitaremos de vós para difundir a noticia do acto. Ao longo da semana iremos fixando mais e mais detalles; pedímosvos, pois, que esteades atentos, e que participedes. En nome do futuro.
