A cadea en Código Cero

June 23, 2005

Quitado de
Código Cero

Bitacoreiros galegos convocan unha cadea humana en Santiago para “simbolizar a nova Galiza”
O Blogmillo é estes días un fervedoiro de proxectos, todos eles máis ou menos relacionados cos semi-resultados definitivos das pasadas eleccións autonómicas. Pola redacción de Código vén de pasar un aviso que ten, precisamente, a orixe nesta xa consolidada comunidade de bitacoreiros galegos. Trátase dunha cadea humana convocada para o vindeiro domingo 26, a partir das 13.00 horas, coa que se queren unir (no “humanamente posible”) as estatuas de Castelao (na Alameda) e a de Pablo Iglesias (en San Caetano). O motivo desta xuntanza é, segundo os organizadores, “simbolizar unha nova Galiza”. É dicir: quérese celebrar o posible cambio de rumbo político.

Nota de prensa

A IDEA XURDIU NA REDE
Convocada unha cadea cidadá para “facerlle fronte ao voto emigrante”

Diversas persoas sen vinculación partidaria organizaron un acto de protesta e reivindicación que terá lugar este domingo en Santiago de Compostela. O acto,unha cadea humana que cruzará a cidade, ten como obxectivo “facerlle fronte ao voto emigrante” e reivindicar os 100.000 votos de diferencia que conseguiron o PSdeG e o BNG nas eleccións do pasado 19 de xuño.

A idea xurdiu en internet, dende distintas páxinas, e convocouse a través de móbil, correos electrónicos e distintos blogs e foros. A cadea cívica, a semellanza dunha experiencia parecida que tivo lugar en Cataluña, unirá dous puntos da cidade de Santiago de Compostela: a estatua do cofundador do PSOE Pablo Iglesias (no barrio de Vite) e o monumento a Castelao, pai do nacionalismo político (no parque da Alameda). En total, 2 quilómetros de persoas unidas polas mans.

A cadea humana convócase para o domingo 26 de xuño ás 13:00h, unha semana despois das eleccións e na véspera do reconto definitivo do voto CERA. Precisamente un dos obxectivos dos promotores é “facerlle fronte ao voto emigrante”. “Non podemos estar pendentes durante unha semana do reconto dun voto que se produce en circunstancias de dubidosa legalidade, non podemos tolerar que a fraude faga sombra sobre o que foi o maior éxito da esquerda e do nacionalismo na democracia”.

Os promotores queren reivindicar a vitoria nas eleccións para o conxunto de PSdeG e BNG: “Hai que dicirlles, por se non o saben, que gañamos nós”, aseguran na súa web: http://cadeahumana.blogsome.com. Ao mesmo tempo, desexan que se entenda como unha posición de ánimo para que estes dous partidos se poñan de acordo e cheguen a un bo e rápido
pacto de goberno.

“Non podemos quedar de brazos cruzados, non nos poden roubar a primavera. As dúas patas nas que se vai asentar o país novo, precisan collerse das mans e deixar estes días de impás. Somos moitos e moitas os galegos que temos cousas que dicir nesta nova etapa. Non hai tempo
para o pesimismo, a primaveira non pode esperar máis, queremos manifestar a nosa vontade de cambio”, sinala un dos correos que circulan pola rede.

Máis información en:
http://cadeahumana.blogsome.com/

A cadea nos medios

Vieiros: Unha cadea humana entre Castelao e Pablo Iglesias.- “Demostramos nas urnas que o cambio existe; quizais sexa tamén o momento de demostralo nas rúas”. O blogomillo comeza a bulir despois do impasse da noite electoral. A comunidade blogueira está facéndose eco dunha proposta aparecida nas páxinas de Martin Pawley e Césare coa que pretenden “reivindicar o reinado da alegría e da ilusión, fronte a eses piratas que queren aparvarnos con expectativas, sacas, barullos e balóns revoltos”. (Seguir lendo)

Xornal.com: Propoñen unir as estatuas de Castelao e Iglesias como símbolo do cambio.- A Rede espalla dende onte a idea de organizar unha cadea humana que xunte man a man as estatuas de Castelao e Pablo Iglesias en Santiago. Trátase dunha iniciativa non partidista que promove unha movilización cidadán que simbolice a arela dun colectivo que insta a procurar un goberno de cambio formado por socialistas e nacionalistas na Xunta de Galicia. A cita será o domingo 26 de xuño, na Praza da Alameda, as 13.00 horas. (Seguir lendo)

Gañamós Nós

Cadea

fragaga.org apúntase á proposta xurdida na Rede para unir cunha cadea cadea humana as estatuas de Castelao e Pablo Iglesias en Compostela. Un acto cívico no que a cidadanía se autoconvoca para festexar o cambio que saiu das urnas o 19X, pase o que pase na quinta provincia.

Descarga, copia e pega: Pegatas(348K) | Póster(44K) | Pancarta animada(12K)
Na rúa, no traballo, nos bares, na Rede…

Difunde esta convocatoria a persoas e asociacións cidadás polo cambio.
Cadea posters

Cadea humana para que chegue a Primavera

EscudoImaxe cortesía de fragaga

Logo do sopapo do domingo, imos repoñernos. Martin Pawley propón facer unha cadea humana entre as estatutas de Castelao e Pablo Iglesias que hai en Compostela como símbolo entre a unión duns e doutros.

A cousa faríase o vindeiro domingo, previa apertura das sacas cos votos que abrirán definitivamente a primavera deste novo país.

De momento aínda non hai hora e cousa está aberta a suxestións, propostas e ideas.
Alí estaremos.

paleón

Actualizado: a cadea humana queda fixada para as 13 horas do domingo

non votes por min arghentiiinaaa…

anda polo mundobló encadeándose a idea de saír o domingo de mañá, día anterior á chegada dos votos merc…emigrados para facer unha fila de xente que una a estatua de castelao coa de pablo iglesias ( esa que está co brazo en alto na costa que baixa para vite e que todo o mundo pensa que é castelao). o motivo é manifestar que si temos un país novo, este de aquí no que nós vivimos, que quere darlle un airiño de refresco ás dependencias barolentas da xunta.
ese país xa é. por moito que os fillos, netos e defuntos de ultramar digan.
eu penso ir, porque a esas horas non hai máis que misas e non van moito comigo.
apuntádesvos? aínda podíamos coller unhas empanadiñas e ir xantalas por aí, non é?

mariademallou

Dende a blogosfera, cadea humana. Hai que botalos.

Nos blogs surxiu a idea de facer unha cadea humana entre a estatua de Castelao e a de Pablo Iglesias o domingo 26 de Xuño o día anterior ó reconto do voto emigrante.

” Antes tiñamos a esperanza, a convicción íntima de que así era. Desde o domingo pasado sabémolo con absoluta certeza: hai un país novo. “

” Hai que dicirlles, por se non o saben, que gañamos nós.”

Arredemo

elô, elô!

GallifanteXa temos unha forma de reivindicar o reinado da alegría e da ilusión, fronte a eses piratas que queren aparvarnos con expectativas, sacas, barullos e balóns revoltos. Estase forxando unha cadea cidadá entre a estatua de Paulo Iglesias e de Castelao, en humidtown. Toda a información no blog de Pawley. Xa comezaron os contactos coas plataformas e colectivos… así que só queda achegar ideas e gardar a mañá do domingo 26, a véspera do arxentinazo, para demostrar a nosa ilusión.
Hai que dicirlles, por se non o saben, que gañamos nós.
Velaí unha posíbel mascota.

Cesare

Cadea humana

Antes tiñamos a esperanza, a convicción íntima de que así era. Desde o domingo pasado sabémolo con absoluta certeza: hai un país novo. Hai unha maioría contundente de galegos que apostou pola alternancia, por unha mudanza nas persoas e nas actitudes, pola desaparición do despotismo e o desprezo aos que pensan diferente. Hai unha maioría de galegos que cre que temos moito por facer e por dicir, que mira para o futuro e non para o pasado, que non fai do odio e da vinganza o motor do seu pensamento.

Non hai tempo nin razóns para a tristeza e para o pesimismo. Diante nosa ábrese unha etapa diferente, difícil pero ilusionante, e os cidadáns non podemos permanecer alleos a ela. Demostramos nas urnas que o cambio existe; quizá sexa tamén o momento de demostralo nas rúas. O futuro apóiase en dúas patas, e temos que facer o posíbel por deixar claro que a súa colaboración é imprescindíbel. É un obxectivo prioritario que esixirá a xenerosidade das dúas partes, pero sempre desde a certeza de que a verdadeira xenerosidade reside no povo que lles outorgou a súa confianza.

Non é unha idea orixinal, pero segue sendo unha boa idea. Soltámola onte á rede e está empezando a callar. En Santiago hai unha estatua de Castelao e outra de Pablo Iglesias. Unha na Alameda e outra en San Caetano. Do que se trata é de unir as dúas estatuas mediante unha grande cadea humana, nun acto cívico e non partidista aberto a todos os cidadáns e que sirva para poñer de manifesto a nosa vontade de cambio. Sería este próximo domingo, 26 de xuño, na véspera do reconto definitivo do voto da emigración.

Queremos pensar isto entre todos. Precisamos as vosas suxerencias, o voso apoio, o voso entusiasmo; as vosas palabras, as vosas imaxes, a vosa creatividade. Necesitaremos de vós para difundir a noticia do acto. Ao longo da semana iremos fixando mais e mais detalles; pedímosvos, pois, que esteades atentos, e que participedes. En nome do futuro.

Martin Pawley